Dec
13
2013
--

Lecturas dos últimos días

Son moitas as lecturas e tamén é moita a preguiza. Lin uns cantos libros desde a última entrada sobre lecturas, mais vou reseñar brevemente só catro novelas.

En castelán gostei moito de El río del edén (Alfaguara, PVP 18€), escrito por José María Merino, que recibiu por este libro o máis recente Premio Nacional de Novela, o concedido polo Ministerio de Cultura. A min pareceume unha novela redonda, moi completa, cunha personaxe central chea de matices, contradiccións, en loita contra si mesma e que intenta pechar as feridas do pasado, para abrir unha porta ao futuro coa axuda do seu fillo, que ten síndrome de Down. Lembroume no estilo e na proposta a outro bo libro español, recente tamén, de Julio Llamazares, Las lágrimas de San Lorenzo, que con certeza tamén vos recomendo.

 

Outr grande libro lido nos últimos días foi El día de mañana (Seix Barral, PVP 18€), de Ignacio Martínez de Pisón, outro premio nacional de novela, este do ano 2011, e abofé que non me estrañou en absoluto. Fiquei moi satisfeito despois de ler o libro, coa sensación de ter saboreado aquilo que se chama “boa literatura”. En fin, pareceume un dos mellores libros que lin nos últimos tempos, cunha trama, uns personaxes e un pulso narrativo potentes.  No libro, o autor reconstrúe a Barcelona do final do franquismo e para iso utiliza os testemuños e os recordos de diferentes personaxes sobre un confidente da policía.  Penso que Martínez de Pisón é un autor moi bon, que non se debe deixar de ler, como a Merino, xaora.

 

 

E na nosa lingua teño lido ultimamente outro dos libros de Hugin e Munin, cos que sempre aprendo palabras novas, o cal di moito, creo eu, da calidade da versión galega. Nomeadamente, lin O afundimento do Titán (PVP 12€), do que chama atención, como é obvio, o parecido coa historia do Titanic. É a historia do naufraxio do barco, mais tamén da cobiza dos armadores, dos aseguradores e, por outro lado, do valor  e a honestidade dun náufrago que consegue vencer a adversidade. Un libriño escrito hai cen anos pero que hoxe, en pleno século XXI, pode lerse perfectamente e mais con grande pracer. Outro acerto de Hugin e Munin. Parabéns para a editora.

 

 

Lúa da colleita, de Anxos Sumai, último Premio García Barros de novela (Galaxia, 19€) máis que contar unha historia, xira á volta dunha personaxe complexa, moi sensíbel, con problemas para distinguir a fronteira entre o pasado e o presente, o vivido e o soñado, que volta á vila onde viviu até o final da adolescencia. Trátase de unha novela semellante, no estilo ou quizá nas pretensións, á gañadora do ano pasado Hora Zulú, de Santiago Lopo, que estou a ler neste momento e que ten máis acción e máis personaxes, pero tamén esa aproximación ao borde da racionalidade, ou polo menos da racionalidade convencional. Depois de Santiago Lopo ha de vir A memoria da choiva, de Pedro Feijoo. Estou expectante por saber ou buscar semellanzas e diferenzas con Os fillos do mar, que funcionaba perfectamente como novela de aventuras, moi fácil de ler (isto é, que se devora) e pensada para entreter a un público amplo.

Vento e chuvia, de Manuel Gago, ou Matarte lentamente, o último de Ameixeiras, son tamén dúas lecturas recentes moi recomendábeis para regalar nestas épocas por diferentes e no fondo por idénticas razóns. O de Gago é un exercicio encomiábel de recuperación e re-criación do noso imaxinario colectivo, dun panteón galaico de deuses que sobrevive hoxe fundamentalmente na toponimia e na etnografía. O libro vese enriquecido cunhas estupendas ilustracións de Manel Cráneo e un posfacio de Marco G. Quintela.

O libro de Ameixeiras é novela negra peculiar, con “friames” e “realismo suxo”, pero sen detectives. Destaca a sua habilidade para retratar o peor da sociedade, sen medo a se luxar co sangue. E como se adoita dicir, reinventa e refunda o “noir” galego. É moi diferente (non digo “mellor nin “peor”) que as novelas de Villar ou de Miguel Anxo Fernández. Creo que vos gustará, sexa como for, porque é brutalmente directa, intensa, ben escrita.

A miña intención non era escribir tanto, mais ao final deixeime levar. Se queredes, continuamos a parola na Carricanta. Estades convidadas/os!

 

 

Powered by WordPress | Aeros Theme | TheBuckmaker.com WordPress Themes