Out
15
2013
--

Algunhas novidades da semana

Bo día

Chegaron á libraría algunhas novidades, as máis delas pertencentes ao catálogo da editora galega Kalandraka, especializada en libro infantil, e que moitos e moitas de vós xa coñerecedes.  De entre as novidades desta editora destacamos:

 

Minimalario

 

 

 

 

Tapa dura, 118 pp., 15 €. Idade recomendada: 6-7 anos.  De Pinto e Chinto, autores do bestseller Contos para nenos que dormen deseguida.

 

Pastor de Nubes (2ª edición)

 

 

 

 

Tapa dura, 40 pp, 12 €.  Idade recomendada: 6-7 anos. Para crianzas sensíbeis, unha historia chea de poesía, dun neno pastor á procura do mar.

 

Renato

 

 

 

 

Cartoné, 24 pp., 10€.  Idade recomendada: entre 2-3 anos.  Son as aventuras de Renato polo bosque, formato perfecto para os/as primeiras lectoras.

 

Inventario de los mares

 

 

 

 

Tapa dura, 72 pp., 16 €. Idade recomendada:  A partir de 8-9 anos. Para nenos/as curiosas e amantes da natureza.

 

amais do fabuloso disco-cd Pan de Millo !

 

 

 

 

64 pp., 20€.  Para cantar e bailar en familia!

 

Na Libraría Carricanta encontraredes no só libro infantil, senón tamén literatura española e galega, libros para a escola, etc., e se non temos o que buscas, habémolo conseguir axiña!

 

Written by librariacarricanta in: Novidades | Etiquetas: , ,
Out
14
2013
1

Presentación de “Baixo a lona preta”, de Xosé García Rodríguez

Boa tarde

O próximo venres día 18, sexta-feira, às 20:00 teremos o pracer de presentar na nosa libraría o libro Baixo a lona preta, escrito por Xosé García Rodríguez ( Estaleiro Editora, 10€, 205 pp.)

 

O libro é un diario da viaxe de Xosé García á Bahía, onde os “Sem Terra” – un movimento que conta xa trinta anos-  “non perseguen utopías, senón que as constrúen cada día”, traballando nun proxecto común que busca facilitar o acceso á terra e con ela a unha vida digna, a centos de milleiros de persoas desposuídas.

Xosé García coordena o voceiro do Sindicato Labrego, Fouce, e ten traballado para diferentes medios de comunicación escritos, como Praza Pública, Tempos Novos ou Diagonal.

Written by librariacarricanta in: Actividades | Etiquetas: , , ,
Set
27
2013
--

O diario das caixas de mistos

Hoxe traio aquí unha novidade da editorial Juventud que me ten fascinado: chámase El diario de las cajas de fósforos.  E digo que me ten fascinado pola historia en si, a emigración dunha familia de labregos do Sul de Italia aos Estados Unidos, que emociona e remexe algo aí, no fondo, pero tamén pola enorme calidade das ilustracións, que destilan emocións e vida, moita vida. É un libro que engaiola, que ensina cousas e que nos fai mellores. En fin, as funcións dun bo libro.

(Idade recomendada? entre os 5 e os 8 anos? Todo depende…)

 

Written by librariacarricanta in: Novidades,Que estamos a ler |
Set
23
2013
--

De libros e de crianza

Chegaron hoxe á libraría algunhas novidades, entre elas dous libros dos que quería falarvos, mesmo que sexa brevemente.

O primeiro é Librerías, editado por Anagrama e escrito por Jorge Carrión. Trátase dun ensaio interesante non só para quen, coma min, intenta gañar a vida cos libros, senón tamén para aqueles que gostan dos libros, mais tamén e sobre todo das librarías, como o espazo privilegiado para a venda deste tipo de ben cultural.

 

En Librarías encontraredes un ensaio entretido sobre a historia das librarías ao longo do tempo e do espazo, pero non só; este libro é tamén unha reflexión sobre o papel que os libros e as librarías ocuparon, ocupan e han ocupar no noso corazón, nas nosas vidas.

 

Tamén quero falarvos hoxe de ¿Dónde está mi tribu?, escrito por Carolina del Olmo e editado pola editorial Clave Intelectual. O subtítulo do libro – “Maternidad y crianza en una sociedad individualista”- fala do horizonte teórico en que se move a autora: crianza natural, crítica feminista, teoría de género, etc., mais o libro é froito sobre todo da súa experiencia como nai e como muller e supón unha crítica á presión que un modelo de sociedade hiperindividualista exercen sobre as muelleres, impedindo a sua realización como personas, quer sexa na sua faceta de nais, quer na de traballadoras. Carolina del Olmo coloca, enfin, moitas e suxestivas interrogantes sobre a experiencia da maternidade e a crianza nun mundo que fai da crianza un problema a resolver e non unha experiencia para desfrutar.

 

Ah, Carolina del Olmo ten blogue: dondeestamitribu.blogspot.com.es

Written by librariacarricanta in: Novidades | Etiquetas: ,
Set
19
2013
--

Primeira reunión do clube de lectura da libraría Carricanta

Onte mércores, ás 20:00, comezamos a andaina do clube de lectura. A pesar da orballeira, que convidaba a recollerse en casa,  xuntámonos ao redor da mesa para decidirmos data, hora, xéneros, linguas da nosa preferencia… Despois de barallar algúns nomes e xéneros, decidimos botarlle o dente ao último libro de Teresa Moure, Eu violei o lobo feroz, que nos atirou por tratarse dun libro recente escrito por unha muller, que se expresa en verso e escrito ademais nun galego con ortografía portuguesa.

Eu violei o lobo feroz é pois o “Primeiro livro de poemas de Teresa Moure. Uma singular Capuchinho Vermelho reconstrói e constrói a sua historia e identidade através de confissões quando é retida por terrorismo ecológico.”

(texto incluído na páxina de Através Editora, http://www.atraves-editora.com/eu-violei-ao-lobo-feroz-de-teresa-moure/


 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Nuns poucos dias teremos o livro na Carricanta; avisareivos cando estexa aquí.

A próxima reunión do clube ficou marcada para o día 21 de outubro, luns, ás 20:00 horas. Lembrade que se trata dun clube aberto, e sempre estades a tempo de participar…

Obrigado a todas e todos por participardes! Grazas a vós o clube será un éxito!

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

A próxima reunión do clube está marcada para o día 21 de outubro, luns, ás 20:00.

 

Lembrade que este é un clube de lectura aberto, e que podedes incorporarvos en calquera momento.

 

Grazas a todas e todos vós por participar e boa leitura!

 

Written by librariacarricanta in: Clube de Lectura | Etiquetas: , ,
Set
18
2013
--

Eira Vella, de aniversario

Onte estiven na inauguración da exposición que conmemora os vinte anos da fundación de Eira Vella, a emblemática asociación cultural de Betanzos, na sala de exposicións do antigo edificio do Arquivo (o Liceo, vaia). Alí puiden ver os 20 paineis que resumen a historia de Eira Vella e escoitar a voz e a música de Francisco Pérez Porto, que non coñecía até onte (vergogna!) e do que gostei moito, polo tempero da súa voz e pola forza e o sentimento que imprimiu ás cancións populares galegas que interpretou, entre elas un “Negra sombra” algo diferente ao que me tiña acostumado Amancio Prada.

Non pretendo glosar aquí o enorme traballo de vinte anos (A Xanela, presentacións de libros, encontros literarios, palestras…), nin deixar eloxios, porque sempre serían poucos; simplemente quería agradecer e dar os parabéns á asociación a través deste espazo, desexando que Eira Vella dure cando menos outros vinte anos máis, como mínimo.

A foto é da edición de hoxe de La Voz de Galicia, cunha entrevista de Toni Silva a Xesús Torres, fundador de Eira Vella e unha das persoas que traballan arreo para editar a revista a Xanela.

 

 

Anímovos logo a pasar pola sala de exposición do Liceo, que repasa vinte anos da vida cultural de Betanzos: nalgunhas fotos comprobaredes inevitabelmente como pasou o tempo, mais tamén, e sobre todo veredes a pegada amábel que ese tempo deixou, as moitas accións culturais a prol da cultura galega desenvolvidas estes anos vinte anos grazas á laboura incansábel de Eira Vella (http://eiravellaac.blogaliza.org/).

Written by librariacarricanta in: Sen categorizar |
Set
17
2013
--

Estamos de volta!

Boa tarde,

pasaron meses desde a última entrada do blogue e creo que xa vos son horas de retomar a actividade. Nestes meses teño pensado moito na utilidade desta ferramenta de comunicación e creo que foi un erro grande desleixala. Así e todo, non se trata agora de recuperar de golpe o tempo perdido; imos camiñar devagariño. De momento, mañá mércores (ás 20:00)  temos a primeira reunión do clube de lectura. Estou impaciente por comezar a parolar convosco sobre boa literatura!

Written by librariacarricanta in: Sen categorizar |
Mai
09
2013
--

Conversa con Calros Silvar, autor de “O Carballo”

     Co gallo da presentación na Carricanta do libro O Carballo (Baía edicións, 2012), de Carlos Silvar, aproveitamos para conversar co ilustrador sadense sobre o libro, a colección que inicia e sobre o labor desenvolvido polo autor en prol da conservación do noso medio natural. A entrevista foi feita polo bon amigo Martín Pérez, biólogo afincado en Sada.

 

foto feita por Kopa para La Voz de Galicia

CARRICANTA. – Nas últimas semanas estás presentando a túa nova obra, O Carballo, primeiro título dunha nova colección, “A Aventura de Vivir”, coa que se pretende divulgar os elementos singulares do noso medio natural entre os nenos de ensino primario. Que podemos atopar nas páxinas n’ O Carballo, e que nos podes adiantar do que nos agarda nesta nova colección da Aventura de Vivir?

C. SILVAR.- O Carballo tenta sensibilizar as novas xeracións na importancia da conservación do entorno natural e evidenciar a total responsabilidade que os humanos temos niso. O carballo representa, neste caso, as árbores en xeral e, á parte de introducir no seu coñecemento, o libro fala da súa importancia na nosa cultura, das dificultades que os seres vivos teñen para sobrevivir e da necesidade de respectar a natureza.

A idea inicial da colección é seleccionar especies representativas, vexetais e animais, pola súa significación na nosa cultura, divulgar as súas características e o papel que desenvolven no medio. En canto ao futuro da colección, supoño que dependerá da acollida que teña este primeiro volume… pouco máis podo dicer.

CARRICANTA. – Outra colección na que tiveches unha participación de grande peso é a colección de Guías da Natureza de Baía Verde, 25 títulos divulgativos sobre os espazos naturais da Galiza, aproveitamentos sustentábeis dos recursos naturais e guías de especies de fauna e flora galega. Unha obra extensa e exhaustiva, convertida nunha obra imprescindíbeis para a biblioteca de calquera naturalista galego e que recibiu varios premios, como o 1º premio Isaac Díaz Pardo ao mellor libro ilustrado, pola guía de mamíferos no ano 2007, e máis recentemente o premio Irmandade do Libro, na categoría de Mellor Obra Editorial, outorgado no pasado mes de abril do presente ano. A cal dos libros desta colección lle tes un maior aprecio e por qué? Podemos agardar a publicación de novos volumes nesta colección, ou xa podemos considerala finalizada?

C. SILVAR.- A Guía das Aves de Galicia foi o primeiro título publicado nesta colección e marcou un fito entre as publicacións de natureza galegas, así que só por iso merece ser salientada, mais son as Guía de mamíferos e de Libélulas, as dúas coas que me sinto máis satisfeito, e refírome só ao meu labor como ilustrador.
En canto á continuidade, dada a situación de crise actual e as medidas que ten adoptado Baía, penso que se pode dar por finalizada… aínda que gustaría pensar que iso non é definitivo.

CARRICANTA.- O seu labor en prol da conservación do patrimonio natural galego non só abrangue o ámbito profesional como ilustrador, senón que tamén participa de xeito moi activo en entidades ecoloxistas e naturalistas da comarca das Mariñas, como son a SGHN na súa delegación das Mariñas, e a entidade de Custodia do Territorio “Fragas do Mandeo”. Que nos pode contar das actividades e obxectivos destas asociacións e cómo podería contactar con elas calquera veciño ou veciña da comarca interesado en colaborar?

C. SILVAR.- Pois podería contar moito, pero entendo que non temos acó espazo para tanto!. A Sociedade galega de historia natural é unha entidade científica e independente, decana do ambientalismo galego, que adica os seus esforzos ao estudio, divulgación, conservación e defensa dos valores naturais do noso país. Consonte iso na Delegación das Mariñas adicámonos a protexer, e divulgar entre os nosos conviciños os singulares espazos naturais do noso contorno: o humidal das Brañas, a costa de Carnoedo… e sensibilizar da importancia de os protexer.

Coa SGHN pódese contactar a traveso de www.sghn.org, do correo asmarinhas@sghn.org ou a traveso do tlfno 686 143 143.

Fragas do Mandeo é unha entidade non gobernamental e non lucrativa, declarada de interese galego, que ten como obxectivo crear un fondo de conservación da natureza na comarca de As Mariñas. E nesas andamos: os fondos recadados destínanse á adquisición de fincas con fins conservacionistas, para asegurar a biodiversidade e a protección de hábitats prioritarios.

Coa Fundación Fragas do Mandeo pódese contactar a traveso de www.fragasdomandeo.org, do correo fragasdomandeo@yahoogroups.com ou a traveso do tlfno 627 996 481

 

CARRICANTA. – A comarca de As Mariñas, como outras tantas áreas do país, está sometida a múltiples ameazas sobre os seus valores naturais e biodiversidade. Neste eido, recentemente coñeceuse a inminente declaración como Reserva da Biosfera para As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, que se espera sexa efectiva a finais do presente mes. Como pensas que afectará dita declaración ao desenvolvemento sustentábel da zona e a conservación dos valores naturais da comarca?

C. SILVAR. – A Reserva da Biosfera en si mesma non garante nada. Se a sensibilidade ambiental da maioría dos gobernos municipais segue sendo a mesma do que hoxe pode ficar todo en papel mollado, nun mero instrumento para captar subvencións europeas ou nun simples reclamo turístico sen valor ningún de cara a preservación ambiental. Hai concellos que, podendo facelo, non aportan nin 1 m2 de espazo protexido (é o caso de As Brañas, en Sada), ou concellos que non poñen en valor os espazos protexidos do seu territorio e mesmo fan intervencións contraproducentes neles.

Se non hai sensibilidade nos xestores, non podemos agardar máis nada que declaracións rimbombantes de cara á galería: fume. Se a Reserva da Biosfera fai que iso cambie, benvida sexa.

CARRICANTA.- E por último, como naturalista, qué libros son eses que pensas imprescindibéis e que non poden deixar de acompañar ás Guías da Natureza de Baía Verde nas bibliotecas de calquera naturalista galego.

C. SILVAR. – Por cinguirme a guías de campo adicadas ao espazo natural galego, pois non esquecería a Guía das plantas de Xosé Ramón García; a Guía de cogomelos de J.M. Marcote, Pose e Traba; a Guía de bolboretas diurnas de Eliseo H. Fernández Vidal ou a de Xosé Luís Iglesias e máis Xulio Astor; ou a Guía de anfibios e réptiles de Pedro Galán e Gustavo Fernández.

 

Written by librariacarricanta in: Sen categorizar |
Mai
02
2013
2

Clube de lectura na Libraría Carricanta

Bo día

Levamos uns días a pensar na necesidade de organizar un clube de lectura en Betanzos. Non sei que vos parecerá a idea. O que está claro é que sen vós, non é posíbel. Copio a continuación un textiño que resume a proposta. Desculpa se o texto é un pouquiño longo. Estou á vosa disposición na libraría e no espazo virtual, sexa no blogue, sexa en facebook. Saúdos!

CLUBE DE LECTURA da Libraría Carricanta

1. En que consiste un clube de lectura?

Un club de lectura ven sendo un grupo de personas que deciden reunirse periódicamente para compartir a súa experiencia lectora sobre un libro determinado. Todas as persoas que participan no clube de lectura len o mesmo libro ao mesmo tempo, aínda que dun xeito individual; posteriormente, reúnense para pór en común aquilo que se leu. O que se pretende co clube de lectura, en definitiva, é que as opinións formuladas no grupo enriquezan a impresión inicial que cada quen consegue a través dunha lectura en solitario.

2. Por que un clube de lectura? Por que en Betanzos?

A mesma idea de clube remite a iso, a xente que se reúne en función a un interese común, e que se reúne para falar precisamente dese interese común. Nese sentido, igual que hai xente que fala de fúbol, ou de música, da última serie de moda, etcétera, por que non falar de libros? E por que non facelo en Betanzos?

Por outro lado, un clube de lectura pode e debe ser unha ferramenta para incentivar o amor pola lectura, polo libro en si, e tamén pola cultura en xeral.

A cultura é un patrimonio común, construído entre todas e todos. En consecuencia, cremos que a cultura en xeral, e aquela que xira ao redor dos libros, en particular, é un asunto xeral, que compete e interesa a todo o mundo. Compartir a experiencia da lectura é un xeito difundir o coñecemento e tamén de construir cultura, de transmitir valores. Acreditamos no clube de lectura porque transmite, en definitiva, unha visión horizontal, non xerárquica da cultura e do saber. Nese sentido, aínda que o habitual é unha experiencia individual do libro, consideramos positivo apoiarse no grupo, especialmente no caso daqueles libros máis esixentes, máis “duros”, que se len con máis facilidade (e acaban por dar máis satisfaccións) se varias persoas comparten a lectura ao mesmo tempo.

Por último, queríamos decir que se este clube de lectura se reúne nunha libraría é porque pretendemos non só atirar o público lector cara ao local onde se venden os libros, senón tamén porque aspiramos a pór en valor a libraría como un axente dinamizador da cultura e como un espazo a defender. Betanzos merece librarías e as librarías merecen Betanzos!.

3. Normas de funcionamento básicas

Calquera persoa pode participar, aínda que por razóns de operatividade o aforo verase limitado a 10 persoas como máximo.

Todo o mundo pode opinar e todas as opinións valen o mesmo. O moderador buscará fomentar a participación de todas e todos.

A frecuencia das reunións será mensual, se ben poden aumentarse a dúas por mes en función das preferencias das persoas participantes.

O moderador, que será o libreiro, proporá catro títulos, buscando o equilibrio entre as linguas cooficiais de Galiza, así como entre os diferentes xéneros.

O libreiro, como é obvio, non obriga a comprar os libros na súa libraría. Cada quen é libre de compralos na libraría Carricanta, en calquera outro lugar, collelos prestados na biblioteca ou traelos da casa. Asemade, aproveitamos para lembrar que se pode e se debe pedir á bibliotecas públicas, do Concello ou as do colexio e o instituto, que compre libros!.

O lugar de reunión é a Libraría Carricanta, tamén a través do seu espazo virtual, o blogue, onde se poden verter opinións sobre o libro escollido, suxestións sobre lecturas,… A idea é que calquera poida unirse ao clube de lectura a través desta canle, deixando comentarios, compartindo artigos sobre tal ou cal libro, falando de cómo van coa lectura, etcétera).

 

Written by librariacarricanta in: Sen categorizar |
Mai
01
2013
--

El invierno del comisario Ricciardi

Bo día,

Do mesmo xeito que a nosa intención é que a libraría sexa algo máis que unha tenda de libros, tamén queríamos que este blogue fose máis do que un taboleiro de anuncios.

Nese sentido, un pouco por parolar, e por comunicarnos convosco, deixásmosvos aquí noticia do libro que andamos a ler, “El invierno del comisario Ricciardi”, editado por Lumen, que é o inicio dunha serie de novelas políciacas protagonizadas polo tal comisario. A ambientación na cidade de Nápoles e na época fascista fan, na nosa opinión, máis atractivo libro. A curiosidade por todo o italiano arrástanos, como tantas outras veces, a coñecer outro escritor, outra escrita italiana.

Non pretendemos facer unha reseña (si talvez recomendar, por que non), dado que se trata no fondo dunha obra non demasiado recente (do 2011) mais quizá por iso aproveitamos para reivindicar um modelo de libraría que non se sustente apenas nos caprichos do márketing. Unha libraría non é unha tenda máis. Desculpade a breve reflexión 😉

Déixovos o seguinte enlace http://www.elplacerdelalectura.com/2011/10/el-invierno-del-comisario-ricciardi-maurizio-de-giovanni.html

Saúdos do voso libreiro

Written by librariacarricanta in: Que estamos a ler |

Powered by WordPress | Aeros Theme | TheBuckmaker.com WordPress Themes