Mar
28
2014

Ver aves na Galiza

Entrevista a Cosme Damián Romay Cousido, coautor do libro Cuándo ver aves en Galicia, de Ed. Tundra

 

1 – Recentemente saíu á luz “Cuándo ver aves en Galicia”, un libro que ofrece destinos e propostas de actividades para a observación de aves en Galicia en función da época do ano. Pero, Por que é Galiza un lugar destacábel para a observación de aves?

 

Galicia ten unha inmensa variedade de hábitats, algún deles aínda ben conservados, e que van desde as marismas e praias no litoral ata montañas de máis de 2000 m, e desde áreas frescas de turbeiras eurosiberianas ata extensións de matogueira mediterránea, pasando por carballeiras, humidais e rochedos no interior. Ademais, a súa posición xeográfica de “avanzadilla” sobre o Atlántico fai da nosa terra un lugar de parada e fonda para moitas aves nas súas migracións. Por todo isto se entende que Galicia presente unha lista dunhas 400 especies de aves, á altura de moitos países europeos. E iso en menos de 30000 km2!

 

2 – Se quixeramos ver aves sen saír das Mariñas, onde teríamos que ir e en qué época do ano?

 

Depende dos nosos obxectivos. Se queremos ver patos, limícolas e garzas en bo número, debemos ir aos humidais litorais (O Burgo, ría de Betanzos, Miño) ou aos encoros (Cecebre, Sabón) entre setembro e abril. Desde os cabos (punta Langosteira, punta Herminia, faro de Mera) localizaremos aves mariñas en migración sobre todo entre agosto e decembro. E para ver araos, mobellas e patos mariños, mellor as praias de Santa Cristina, Grande de Miño e Alba entre novembro e febreiro. Para aves terrestres, temos sitios excelentes nos concellos de Paderne, Sada, Cambre e Carral, sobre todo en bosques de ribeira e carballeiras.

 

3 – En certo senso, “Cuándo ver aves en Galicia” promove o Turismo ornitolóxico, é dicir o turismo da observación de aves, na Galiza. Considerades que este tipo de turismo pode ser unha ferramenta de dinamización económica para a Comarca das Mariñas? Cómo de desenvolta está esta actividade turística en Galicia, en comparación co resto do Estado e Europa?

 

O turismo ornitolóxico está de actualidade. Grazas a feiras como a FIO en Monfragüe (Extremadura) e a iniciativas locais como Trino en Castela e León e, máis preto, o Proxecto PIO no Grove, esta actividade, ideal para desestacionalizar o turismo en determinadas áreas, estase dando a coñecer a máis xente e é cada vez máis estudada polos nosos xestores. Incluso, a nivel galego, Turgalicia dedicou e dedica esforzos a través da súa web e grazas á edición de diverso material impreso a dar a coñecer o turismo ornitolóxico en Galicia. De todos xeitos, aínda son poucas as empresas en Galicia volcadas neste tipo de turismo (podo mencionar a Intramar, no Grove), e incluso a nivel español as empresas de observación de aves que actúan no territorio son principalmente británicas. No Reino Unido este tipo de turismo leva décadas implantado, e ten grande aceptación. Non hai máis que ver a BirdFair en Rutland, con 25000 visitantes nun só día!

 

4 – Se alguén que se quixera iniciar na observación de aves vos pedira consello, ademais de “Cuándo ver aves en Galicia”, qué bibliografía básica lle recomendariades?

 

Estas catro guías son ideais para se iniciar, van ordeadas por prezo, de menor a maior: – Barthel, P. H. & Dougalis, P. 2008. Aves de Europa. Lynx Edicions, Barcelona. 191 pp. – De Juana, E. & Varela, J. 2000. Aves de España. Península Ibérica, Baleares y Canarias. Lynx Edicions, Barcelona. 226 pp. – Penas-Patiño, X. M.; Pedreira, C. & Silvar, C. 2004. Guía das aves de Galicia. 2ª edición. Baía Edicións, A Coruña. 463 pp. + CD-ROM. – Mullarney, K.; Svensson, L.; Zetterström, D. & Grant, P. J. 2003. Guía de aves. La guía de campo de aves de España y de Europa más completa. Omega, Barcelona. 402 pp. É recomendable tamén coñecer algunhas páxinas web con recursos para coñecer as nosas aves, como as seguintes: – Noticiario Ornitoxeográfico Galego, base de datos de rexistros de aves en Galicia: http://sgo.cesga.es/aves/htdocs/. – Enciclopedia de las Aves de España, patrocinada por SEO/BirdLife e a Fundación BBVA: www.enciclopediadelasaves.es

 

5 – Ademais de gozar da observación de aves, para aquelas persoas máis inquedas, a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), da que formades parte, ten en marcha diversos proxectos, actividades e colaboracións. Qué se está a facer agora mesmo dende a SGO? Cómo podemos tomar parte desas actividades?

 

As actividades da SGO están abertas ao público e van desde a organización de xornadas divulgativas, censos, congresos e excursións á edición de anuarios ornitolóxicos e da revista científica A Carriza, pasando pola xestión do Noticiario Ornitoxeográfico Galego. Entre os anos 2014 e 2017 coordinará en Galicia o novo atlas de aves reproductoras de España. Na súa web (www.sgosgo.org) infórmasenos destas actividades. E relacionado con isto, cómpre engadir que o Grupo Naturalista Hábitat (www.gnhabitat.org) tamén organiza maratóns ornitolóxicas, censos e xornadas para a dar a coñecer as nosas aves, así como a Sociedade Galega de Historia Natural (www.sghn.org). Ademais, SEO/BirdLife ten unhas iniciativas abertas ao público moi interesantes (www.seguimientodeaves.org).

Written by librariacarricanta in: Actividades,Novidades |

Non hai comentarios

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.

Powered by WordPress | Aeros Theme | TheBuckmaker.com WordPress Themes