Out
23
2013

Últimas lecturas do libreiro

Bo día

Nos últimos días lin varios libros, prácticamente todos de narrativa, en galego e español. Comentareivos algunha cousa de cada un deles, sen entrar en detalles, dado que non pretendo exercer de crítico nen dicirvos o que tendes que ler. Son leituras persoais, movidas pola curiosidade, que pretendo compartir convosco.

O único libro de poesía foi Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure (Através editora, 10€), que foi o libro escollido polo clube de lectura da Carricanta na súa primeira reunión. Brevemente, podemos dicir que o libro, aínda que é poesía, ten moito de narrativa, de alegato político, reivindicativo, aínda que se presta a moitas lecturas (iso comprobámolo ben no clube de lectura) e conclusións diversas que han depender, creo, da bagaxe de cada quen.

O seguinte libro foi Cadeas, de Xabier López López, premio Xerais 2013 (PVP 20€). Para quen os premios non significan nada, ou non din moito, diría que o último libro de Xabier López é excepcional, moi ambicioso, mais nada complicado de ler – a pesar do que se ten afirmado -, cheo de fíos, de historias entrecruzadas (os elos da cadea), con elementos comúns como a cervexa, o leite condensado, ou a violencia (explícita ou implícita ) de certos episodios. Como se di na contracapa, é “una novela de novelas” (por iso dicía eu o de ambiciosa) e creo que polas múltiples influencias (encántame o relato sobre un naufraxio, que lembra a Conrad) será do interese dun amplo abano de leitores/as.

Lin tamén a semana pasada un libro de Luisgé Martín, La misma ciudad (Anagrama, 13,90€), que conta a segunda vida dun home en plena crise dos 40 que aproveita os atentados das Torres Xemelgas para reiventar a súa vida, abandonando a súa familia coa ilusión de facer todo aquilo que a vida familiar, monótona e tranquila, non lle consentira facer.  É un libro de fácil e agradábel lectura, que pode encerrar algunhas reflexións para aqueles que están por chegar aos 40, con crise ou sen ela, e se puxeron a facer balance.

Lin despois unha noveliña de Antón Darriba, O bosque é grande e profundo, outra novidade de Xerais (PVP 16,65€) e digo “noveliña”, máis que nada pola sua extensión (141 pp., letra grande), o cal, unido a unha historia envolvente e unha atmosfera apocalíptica, fai que as páxinas voen e cheguemos ao desenlace da historia, aberto, inconcluso desta historia ambientada nun mundo apocalíptico, con moitas voces narrativas (o “Viaxeiro”, o “Cazador”…), dividida en dúas grandes partes, unha onde predomina a voz de Hansel, que viaxa polo bosque, e outra onde predomina Greta, que ficou na cidade en guerra. Non é unha historia lineal (o libro comeza in media res), nin coñecemos todo sobre as personaxes, pero como vos dicía, máis alá dos silencios, do que non se di, a historia atrapa. Hávos gustar, xa veredes.

Finalmente, o último libro que lin é Acordes náufragos (Galaxia, PVP 13,50€), de Riveiro Coello e que acaba de saír, aínda que o libro non é exactamente unha “novidade”, por canto reúne relatos publicados anos atrás (como a “Canción de Sálvora”), de forma illada e que hoxe son difíceis de encontrar, polo que Galaxia decidiu xuntalos nun único volume e presentalos de novo ao público. E ben que así sexa, porque estes relatos náufragos de Riveiro Coello son engaiolantes, fermosos, cheo do lirismo céltico da derrota e da bruma… Son “acordes náufragos” porque nos traen músicas e voces que entoan melodias náufragas – no mar ou na terra – como ben se di na contracapa. Eu gostei especialmente da ” Canción de Sálvora”, “Pirrula ou o punto no ceo” e “Bruca Manigua”, que se cadra acusan influencias diferentes, mais que reiteran sempre o enorme talento narrativo do autor de Laura no Deserto. Son todos eles relatos diferentes entre si, mas todos escritos dun xeito impecábel, cun galego enxebre mas non rebuscado, se me permitides a expresión, e onde a imaxinación do autor nos leva da Póboa do Caramiñal á Limia e á Raia, e da Raia ao Caribe.  En fin, un libro moi recomendábel que fara máis agradábel as vosas vidas.

E agora mesmo estou lendo Librerías, un libro ao que xa lle tiña moitas ganas, e El camino de Ida; ambos libros son de Anagrama, o primeiro de ensaio e o segundo de narrativa, escritos respectivamente por Jorge Carrión e por Ricardo Piglia. Xa vos direi algo deles dentro duns días.

Saúde

Non hai comentarios

RSS feed for comments on this post.

Sorry, the comment form is closed at this time.

Powered by WordPress | Aeros Theme | TheBuckmaker.com WordPress Themes