Dec
07
2013
--

Horario do mes de decembro

Co ánimo de fomentar e dar cobertura ao consumo compulsivo (só na miña libraría, xaora) ou en todo caso á adquisición irreflexiva de todo tipo de libros para grandes e pequenos,

a libraría Carricanta comprácese en anunciar o horario ampliado durante o mes de decembro:

De luns a sábado:

10:00-14:00 / 16:00-20:30

Domingos 22 e 29 – Apertura conxunta ACEBE

11:00-14:00 / 17:00-20:00

Written by librariacarricanta in: Sen categorizar |
Nov
21
2013
--

Patas de Peixe

Hoxe quería falarvos dunha editora de libros infantís en galego moi interesante: Patas de Paixe – http://www.patasdepeixe.com/

Entre o seu catálogo destacan os libros da Toupiña, que falan das estacións ou dos días da semana. A Toupiña é unha personaxe creada polo debuxante checo Zdenek Miler, unha auténtica celebridade na República Checa. Hai quen o chama o Walt disney checo, e se cadra é ao aveso: Disney é o Miler estadounidense…

Penso que os libros da Toupiña editados por Patas de Paixe son moi recomendábeis para as nosas cativas e cativos, porque nos ensinan a respeitar e valorar a natureza e o debuxo de Miler é moi sinxelo e tenro. Axuda tamén que as historias da Toupiña veñan rimadas, porque iso sempre lles gusta aos nenos.  A edición ademais é moi apta para as crianzas porque é todo cartoné. O prezo de cada un dos libros da toupiña é de 6,50€. Non está nada mal.

Patas de Peixe acaba de publicar a versión galega do famoso conto O Grúfalo (PVP 14€), escrito por Julia Donaldson, unha historia sobre a importancia da intelixencia – do enxeño – para sair das dificuldades. Ainda que a versión galega se presentará no Culturgal, o libro xa está á venda na libraría Carricanta. O PVP é de 14€

Hai que apoiar pequenas editoras como Patas de Peixe, que fan un grandísimo labor por achegar aos nenos e as nenas galegas clásicos da literatura infantil, como é o Grúfalo…

Written by librariacarricanta in: Sen categorizar |
Set
18
2013
--

Eira Vella, de aniversario

Onte estiven na inauguración da exposición que conmemora os vinte anos da fundación de Eira Vella, a emblemática asociación cultural de Betanzos, na sala de exposicións do antigo edificio do Arquivo (o Liceo, vaia). Alí puiden ver os 20 paineis que resumen a historia de Eira Vella e escoitar a voz e a música de Francisco Pérez Porto, que non coñecía até onte (vergogna!) e do que gostei moito, polo tempero da súa voz e pola forza e o sentimento que imprimiu ás cancións populares galegas que interpretou, entre elas un “Negra sombra” algo diferente ao que me tiña acostumado Amancio Prada.

Non pretendo glosar aquí o enorme traballo de vinte anos (A Xanela, presentacións de libros, encontros literarios, palestras…), nin deixar eloxios, porque sempre serían poucos; simplemente quería agradecer e dar os parabéns á asociación a través deste espazo, desexando que Eira Vella dure cando menos outros vinte anos máis, como mínimo.

A foto é da edición de hoxe de La Voz de Galicia, cunha entrevista de Toni Silva a Xesús Torres, fundador de Eira Vella e unha das persoas que traballan arreo para editar a revista a Xanela.

 

 

Anímovos logo a pasar pola sala de exposición do Liceo, que repasa vinte anos da vida cultural de Betanzos: nalgunhas fotos comprobaredes inevitabelmente como pasou o tempo, mais tamén, e sobre todo veredes a pegada amábel que ese tempo deixou, as moitas accións culturais a prol da cultura galega desenvolvidas estes anos vinte anos grazas á laboura incansábel de Eira Vella (http://eiravellaac.blogaliza.org/).

Written by librariacarricanta in: Sen categorizar |
Set
17
2013
--

Estamos de volta!

Boa tarde,

pasaron meses desde a última entrada do blogue e creo que xa vos son horas de retomar a actividade. Nestes meses teño pensado moito na utilidade desta ferramenta de comunicación e creo que foi un erro grande desleixala. Así e todo, non se trata agora de recuperar de golpe o tempo perdido; imos camiñar devagariño. De momento, mañá mércores (ás 20:00)  temos a primeira reunión do clube de lectura. Estou impaciente por comezar a parolar convosco sobre boa literatura!

Written by librariacarricanta in: Sen categorizar |
Mai
09
2013
--

Conversa con Calros Silvar, autor de “O Carballo”

     Co gallo da presentación na Carricanta do libro O Carballo (Baía edicións, 2012), de Carlos Silvar, aproveitamos para conversar co ilustrador sadense sobre o libro, a colección que inicia e sobre o labor desenvolvido polo autor en prol da conservación do noso medio natural. A entrevista foi feita polo bon amigo Martín Pérez, biólogo afincado en Sada.

 

foto feita por Kopa para La Voz de Galicia

CARRICANTA. – Nas últimas semanas estás presentando a túa nova obra, O Carballo, primeiro título dunha nova colección, “A Aventura de Vivir”, coa que se pretende divulgar os elementos singulares do noso medio natural entre os nenos de ensino primario. Que podemos atopar nas páxinas n’ O Carballo, e que nos podes adiantar do que nos agarda nesta nova colección da Aventura de Vivir?

C. SILVAR.- O Carballo tenta sensibilizar as novas xeracións na importancia da conservación do entorno natural e evidenciar a total responsabilidade que os humanos temos niso. O carballo representa, neste caso, as árbores en xeral e, á parte de introducir no seu coñecemento, o libro fala da súa importancia na nosa cultura, das dificultades que os seres vivos teñen para sobrevivir e da necesidade de respectar a natureza.

A idea inicial da colección é seleccionar especies representativas, vexetais e animais, pola súa significación na nosa cultura, divulgar as súas características e o papel que desenvolven no medio. En canto ao futuro da colección, supoño que dependerá da acollida que teña este primeiro volume… pouco máis podo dicer.

CARRICANTA. – Outra colección na que tiveches unha participación de grande peso é a colección de Guías da Natureza de Baía Verde, 25 títulos divulgativos sobre os espazos naturais da Galiza, aproveitamentos sustentábeis dos recursos naturais e guías de especies de fauna e flora galega. Unha obra extensa e exhaustiva, convertida nunha obra imprescindíbeis para a biblioteca de calquera naturalista galego e que recibiu varios premios, como o 1º premio Isaac Díaz Pardo ao mellor libro ilustrado, pola guía de mamíferos no ano 2007, e máis recentemente o premio Irmandade do Libro, na categoría de Mellor Obra Editorial, outorgado no pasado mes de abril do presente ano. A cal dos libros desta colección lle tes un maior aprecio e por qué? Podemos agardar a publicación de novos volumes nesta colección, ou xa podemos considerala finalizada?

C. SILVAR.- A Guía das Aves de Galicia foi o primeiro título publicado nesta colección e marcou un fito entre as publicacións de natureza galegas, así que só por iso merece ser salientada, mais son as Guía de mamíferos e de Libélulas, as dúas coas que me sinto máis satisfeito, e refírome só ao meu labor como ilustrador.
En canto á continuidade, dada a situación de crise actual e as medidas que ten adoptado Baía, penso que se pode dar por finalizada… aínda que gustaría pensar que iso non é definitivo.

CARRICANTA.- O seu labor en prol da conservación do patrimonio natural galego non só abrangue o ámbito profesional como ilustrador, senón que tamén participa de xeito moi activo en entidades ecoloxistas e naturalistas da comarca das Mariñas, como son a SGHN na súa delegación das Mariñas, e a entidade de Custodia do Territorio “Fragas do Mandeo”. Que nos pode contar das actividades e obxectivos destas asociacións e cómo podería contactar con elas calquera veciño ou veciña da comarca interesado en colaborar?

C. SILVAR.- Pois podería contar moito, pero entendo que non temos acó espazo para tanto!. A Sociedade galega de historia natural é unha entidade científica e independente, decana do ambientalismo galego, que adica os seus esforzos ao estudio, divulgación, conservación e defensa dos valores naturais do noso país. Consonte iso na Delegación das Mariñas adicámonos a protexer, e divulgar entre os nosos conviciños os singulares espazos naturais do noso contorno: o humidal das Brañas, a costa de Carnoedo… e sensibilizar da importancia de os protexer.

Coa SGHN pódese contactar a traveso de www.sghn.org, do correo asmarinhas@sghn.org ou a traveso do tlfno 686 143 143.

Fragas do Mandeo é unha entidade non gobernamental e non lucrativa, declarada de interese galego, que ten como obxectivo crear un fondo de conservación da natureza na comarca de As Mariñas. E nesas andamos: os fondos recadados destínanse á adquisición de fincas con fins conservacionistas, para asegurar a biodiversidade e a protección de hábitats prioritarios.

Coa Fundación Fragas do Mandeo pódese contactar a traveso de www.fragasdomandeo.org, do correo fragasdomandeo@yahoogroups.com ou a traveso do tlfno 627 996 481

 

CARRICANTA. – A comarca de As Mariñas, como outras tantas áreas do país, está sometida a múltiples ameazas sobre os seus valores naturais e biodiversidade. Neste eido, recentemente coñeceuse a inminente declaración como Reserva da Biosfera para As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, que se espera sexa efectiva a finais do presente mes. Como pensas que afectará dita declaración ao desenvolvemento sustentábel da zona e a conservación dos valores naturais da comarca?

C. SILVAR. – A Reserva da Biosfera en si mesma non garante nada. Se a sensibilidade ambiental da maioría dos gobernos municipais segue sendo a mesma do que hoxe pode ficar todo en papel mollado, nun mero instrumento para captar subvencións europeas ou nun simples reclamo turístico sen valor ningún de cara a preservación ambiental. Hai concellos que, podendo facelo, non aportan nin 1 m2 de espazo protexido (é o caso de As Brañas, en Sada), ou concellos que non poñen en valor os espazos protexidos do seu territorio e mesmo fan intervencións contraproducentes neles.

Se non hai sensibilidade nos xestores, non podemos agardar máis nada que declaracións rimbombantes de cara á galería: fume. Se a Reserva da Biosfera fai que iso cambie, benvida sexa.

CARRICANTA.- E por último, como naturalista, qué libros son eses que pensas imprescindibéis e que non poden deixar de acompañar ás Guías da Natureza de Baía Verde nas bibliotecas de calquera naturalista galego.

C. SILVAR. – Por cinguirme a guías de campo adicadas ao espazo natural galego, pois non esquecería a Guía das plantas de Xosé Ramón García; a Guía de cogomelos de J.M. Marcote, Pose e Traba; a Guía de bolboretas diurnas de Eliseo H. Fernández Vidal ou a de Xosé Luís Iglesias e máis Xulio Astor; ou a Guía de anfibios e réptiles de Pedro Galán e Gustavo Fernández.

 

Written by librariacarricanta in: Sen categorizar |
Mai
02
2013
2

Clube de lectura na Libraría Carricanta

Bo día

Levamos uns días a pensar na necesidade de organizar un clube de lectura en Betanzos. Non sei que vos parecerá a idea. O que está claro é que sen vós, non é posíbel. Copio a continuación un textiño que resume a proposta. Desculpa se o texto é un pouquiño longo. Estou á vosa disposición na libraría e no espazo virtual, sexa no blogue, sexa en facebook. Saúdos!

CLUBE DE LECTURA da Libraría Carricanta

1. En que consiste un clube de lectura?

Un club de lectura ven sendo un grupo de personas que deciden reunirse periódicamente para compartir a súa experiencia lectora sobre un libro determinado. Todas as persoas que participan no clube de lectura len o mesmo libro ao mesmo tempo, aínda que dun xeito individual; posteriormente, reúnense para pór en común aquilo que se leu. O que se pretende co clube de lectura, en definitiva, é que as opinións formuladas no grupo enriquezan a impresión inicial que cada quen consegue a través dunha lectura en solitario.

2. Por que un clube de lectura? Por que en Betanzos?

A mesma idea de clube remite a iso, a xente que se reúne en función a un interese común, e que se reúne para falar precisamente dese interese común. Nese sentido, igual que hai xente que fala de fúbol, ou de música, da última serie de moda, etcétera, por que non falar de libros? E por que non facelo en Betanzos?

Por outro lado, un clube de lectura pode e debe ser unha ferramenta para incentivar o amor pola lectura, polo libro en si, e tamén pola cultura en xeral.

A cultura é un patrimonio común, construído entre todas e todos. En consecuencia, cremos que a cultura en xeral, e aquela que xira ao redor dos libros, en particular, é un asunto xeral, que compete e interesa a todo o mundo. Compartir a experiencia da lectura é un xeito difundir o coñecemento e tamén de construir cultura, de transmitir valores. Acreditamos no clube de lectura porque transmite, en definitiva, unha visión horizontal, non xerárquica da cultura e do saber. Nese sentido, aínda que o habitual é unha experiencia individual do libro, consideramos positivo apoiarse no grupo, especialmente no caso daqueles libros máis esixentes, máis “duros”, que se len con máis facilidade (e acaban por dar máis satisfaccións) se varias persoas comparten a lectura ao mesmo tempo.

Por último, queríamos decir que se este clube de lectura se reúne nunha libraría é porque pretendemos non só atirar o público lector cara ao local onde se venden os libros, senón tamén porque aspiramos a pór en valor a libraría como un axente dinamizador da cultura e como un espazo a defender. Betanzos merece librarías e as librarías merecen Betanzos!.

3. Normas de funcionamento básicas

Calquera persoa pode participar, aínda que por razóns de operatividade o aforo verase limitado a 10 persoas como máximo.

Todo o mundo pode opinar e todas as opinións valen o mesmo. O moderador buscará fomentar a participación de todas e todos.

A frecuencia das reunións será mensual, se ben poden aumentarse a dúas por mes en función das preferencias das persoas participantes.

O moderador, que será o libreiro, proporá catro títulos, buscando o equilibrio entre as linguas cooficiais de Galiza, así como entre os diferentes xéneros.

O libreiro, como é obvio, non obriga a comprar os libros na súa libraría. Cada quen é libre de compralos na libraría Carricanta, en calquera outro lugar, collelos prestados na biblioteca ou traelos da casa. Asemade, aproveitamos para lembrar que se pode e se debe pedir á bibliotecas públicas, do Concello ou as do colexio e o instituto, que compre libros!.

O lugar de reunión é a Libraría Carricanta, tamén a través do seu espazo virtual, o blogue, onde se poden verter opinións sobre o libro escollido, suxestións sobre lecturas,… A idea é que calquera poida unirse ao clube de lectura a través desta canle, deixando comentarios, compartindo artigos sobre tal ou cal libro, falando de cómo van coa lectura, etcétera).

 

Written by librariacarricanta in: Sen categorizar |
Abr
30
2013
3

Axenda do mes de maio

“Maio longo, maio longo…”, do poema de Rosalía xa está aquí, e co mes de maio chegan as actividades á Libraría Carricanta.

Comezamos logo o día 10 de maio, às 19:00 cun obradoiro de debuxo e natureza a cargo do xenial ilustrador ferrolán, afincado en Sada, Calros Silvar , (http://www.calrossilvar.com/) que virá á Libraría Carricanta para nos falar do seu libro O Carballo, editado por Bahía. Trátase dunha actividade pensada en principio a nenas e nenos de 10 anos, aínda que non vamos pedir carné 😉 O ideal é que traiades pinturas e papel, porque queremos facervos debuxar!!

O día 15 de maio, ás 20:30, teremos un recital a cargo dos poetas Ramiro Torres (autor de Esplendor Arcano), Eduardo Estévez (autor de Construccións), Pedro Casteleiro, Tati Mancebo, François Davo e Luís Mazás. Ademais da voz dos poetas, teremos a sorte e o privilexio de contar con César Morán, que acompañará os versos coa súa guitarra.

Nove días máis tarde, o día 24 de maio, às 20:00, Xosé Duncan ven presentar o seu libro A revolta dos Mestres (http://ascronicasdebran.blogaliza.org/tag/a-revolta-dos-mestres/), primeiro volume d’As Crónicas de Bran, publicado por Urco editora.

Finalmente, o día 27 de maio, às 19:00, uníndonos ás celebracións do ano de Roberto Vidal Bolaño, teremos connosco a Roi Vidal e Laura Ponte. Antes da representación teatral, conversaremos con Roi e Laura sobre a obra de Vidal Bolaño. A obra que veñen presentar a Betanzos é un monólogo teatral baseado en textos de Vidal Bolaño, pertencentes todos eles a personaxes femininas.

Agardásmosvos! Estades todas e todos convidados!

Written by librariacarricanta in: Sen categorizar |
Abr
23
2013
--

Feliz día do libro!

Bo día!

23 de abril, día solleiro en Betanzos, día do libro e da cultura, ideal para dar un paseíño até Carricanta!

Aproveitamos daquela para desexarvos un feliz día do libro e tamén para agradecermos a confianza depositada en nós durante os 10 días que pasaron desde a apertura! Grazas, amigas,obrigado, amigos!

Só queda por dicirvos que estamos traballando para darvos o mellor servizo posíbel e cumprir coas expectativas creadas, que son moitas!.

Un saúdo do voso libreiro,

Carlos

 

Written by librariacarricanta in: Sen categorizar |

Powered by WordPress | Aeros Theme | TheBuckmaker.com WordPress Themes