Mar
28
2014
--

Ver aves na Galiza

Entrevista a Cosme Damián Romay Cousido, coautor do libro Cuándo ver aves en Galicia, de Ed. Tundra

 

1 – Recentemente saíu á luz “Cuándo ver aves en Galicia”, un libro que ofrece destinos e propostas de actividades para a observación de aves en Galicia en función da época do ano. Pero, Por que é Galiza un lugar destacábel para a observación de aves?

 

Galicia ten unha inmensa variedade de hábitats, algún deles aínda ben conservados, e que van desde as marismas e praias no litoral ata montañas de máis de 2000 m, e desde áreas frescas de turbeiras eurosiberianas ata extensións de matogueira mediterránea, pasando por carballeiras, humidais e rochedos no interior. Ademais, a súa posición xeográfica de “avanzadilla” sobre o Atlántico fai da nosa terra un lugar de parada e fonda para moitas aves nas súas migracións. Por todo isto se entende que Galicia presente unha lista dunhas 400 especies de aves, á altura de moitos países europeos. E iso en menos de 30000 km2!

 

2 – Se quixeramos ver aves sen saír das Mariñas, onde teríamos que ir e en qué época do ano?

 

Depende dos nosos obxectivos. Se queremos ver patos, limícolas e garzas en bo número, debemos ir aos humidais litorais (O Burgo, ría de Betanzos, Miño) ou aos encoros (Cecebre, Sabón) entre setembro e abril. Desde os cabos (punta Langosteira, punta Herminia, faro de Mera) localizaremos aves mariñas en migración sobre todo entre agosto e decembro. E para ver araos, mobellas e patos mariños, mellor as praias de Santa Cristina, Grande de Miño e Alba entre novembro e febreiro. Para aves terrestres, temos sitios excelentes nos concellos de Paderne, Sada, Cambre e Carral, sobre todo en bosques de ribeira e carballeiras.

 

3 – En certo senso, “Cuándo ver aves en Galicia” promove o Turismo ornitolóxico, é dicir o turismo da observación de aves, na Galiza. Considerades que este tipo de turismo pode ser unha ferramenta de dinamización económica para a Comarca das Mariñas? Cómo de desenvolta está esta actividade turística en Galicia, en comparación co resto do Estado e Europa?

 

O turismo ornitolóxico está de actualidade. Grazas a feiras como a FIO en Monfragüe (Extremadura) e a iniciativas locais como Trino en Castela e León e, máis preto, o Proxecto PIO no Grove, esta actividade, ideal para desestacionalizar o turismo en determinadas áreas, estase dando a coñecer a máis xente e é cada vez máis estudada polos nosos xestores. Incluso, a nivel galego, Turgalicia dedicou e dedica esforzos a través da súa web e grazas á edición de diverso material impreso a dar a coñecer o turismo ornitolóxico en Galicia. De todos xeitos, aínda son poucas as empresas en Galicia volcadas neste tipo de turismo (podo mencionar a Intramar, no Grove), e incluso a nivel español as empresas de observación de aves que actúan no territorio son principalmente británicas. No Reino Unido este tipo de turismo leva décadas implantado, e ten grande aceptación. Non hai máis que ver a BirdFair en Rutland, con 25000 visitantes nun só día!

 

4 – Se alguén que se quixera iniciar na observación de aves vos pedira consello, ademais de “Cuándo ver aves en Galicia”, qué bibliografía básica lle recomendariades?

 

Estas catro guías son ideais para se iniciar, van ordeadas por prezo, de menor a maior: – Barthel, P. H. & Dougalis, P. 2008. Aves de Europa. Lynx Edicions, Barcelona. 191 pp. – De Juana, E. & Varela, J. 2000. Aves de España. Península Ibérica, Baleares y Canarias. Lynx Edicions, Barcelona. 226 pp. – Penas-Patiño, X. M.; Pedreira, C. & Silvar, C. 2004. Guía das aves de Galicia. 2ª edición. Baía Edicións, A Coruña. 463 pp. + CD-ROM. – Mullarney, K.; Svensson, L.; Zetterström, D. & Grant, P. J. 2003. Guía de aves. La guía de campo de aves de España y de Europa más completa. Omega, Barcelona. 402 pp. É recomendable tamén coñecer algunhas páxinas web con recursos para coñecer as nosas aves, como as seguintes: – Noticiario Ornitoxeográfico Galego, base de datos de rexistros de aves en Galicia: http://sgo.cesga.es/aves/htdocs/. – Enciclopedia de las Aves de España, patrocinada por SEO/BirdLife e a Fundación BBVA: www.enciclopediadelasaves.es

 

5 – Ademais de gozar da observación de aves, para aquelas persoas máis inquedas, a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), da que formades parte, ten en marcha diversos proxectos, actividades e colaboracións. Qué se está a facer agora mesmo dende a SGO? Cómo podemos tomar parte desas actividades?

 

As actividades da SGO están abertas ao público e van desde a organización de xornadas divulgativas, censos, congresos e excursións á edición de anuarios ornitolóxicos e da revista científica A Carriza, pasando pola xestión do Noticiario Ornitoxeográfico Galego. Entre os anos 2014 e 2017 coordinará en Galicia o novo atlas de aves reproductoras de España. Na súa web (www.sgosgo.org) infórmasenos destas actividades. E relacionado con isto, cómpre engadir que o Grupo Naturalista Hábitat (www.gnhabitat.org) tamén organiza maratóns ornitolóxicas, censos e xornadas para a dar a coñecer as nosas aves, así como a Sociedade Galega de Historia Natural (www.sghn.org). Ademais, SEO/BirdLife ten unhas iniciativas abertas ao público moi interesantes (www.seguimientodeaves.org).

Written by librariacarricanta in: Actividades,Novidades |
Dec
13
2013
--

Lecturas dos últimos días

Son moitas as lecturas e tamén é moita a preguiza. Lin uns cantos libros desde a última entrada sobre lecturas, mais vou reseñar brevemente só catro novelas.

En castelán gostei moito de El río del edén (Alfaguara, PVP 18€), escrito por José María Merino, que recibiu por este libro o máis recente Premio Nacional de Novela, o concedido polo Ministerio de Cultura. A min pareceume unha novela redonda, moi completa, cunha personaxe central chea de matices, contradiccións, en loita contra si mesma e que intenta pechar as feridas do pasado, para abrir unha porta ao futuro coa axuda do seu fillo, que ten síndrome de Down. Lembroume no estilo e na proposta a outro bo libro español, recente tamén, de Julio Llamazares, Las lágrimas de San Lorenzo, que con certeza tamén vos recomendo.

 

Outr grande libro lido nos últimos días foi El día de mañana (Seix Barral, PVP 18€), de Ignacio Martínez de Pisón, outro premio nacional de novela, este do ano 2011, e abofé que non me estrañou en absoluto. Fiquei moi satisfeito despois de ler o libro, coa sensación de ter saboreado aquilo que se chama “boa literatura”. En fin, pareceume un dos mellores libros que lin nos últimos tempos, cunha trama, uns personaxes e un pulso narrativo potentes.  No libro, o autor reconstrúe a Barcelona do final do franquismo e para iso utiliza os testemuños e os recordos de diferentes personaxes sobre un confidente da policía.  Penso que Martínez de Pisón é un autor moi bon, que non se debe deixar de ler, como a Merino, xaora.

 

 

E na nosa lingua teño lido ultimamente outro dos libros de Hugin e Munin, cos que sempre aprendo palabras novas, o cal di moito, creo eu, da calidade da versión galega. Nomeadamente, lin O afundimento do Titán (PVP 12€), do que chama atención, como é obvio, o parecido coa historia do Titanic. É a historia do naufraxio do barco, mais tamén da cobiza dos armadores, dos aseguradores e, por outro lado, do valor  e a honestidade dun náufrago que consegue vencer a adversidade. Un libriño escrito hai cen anos pero que hoxe, en pleno século XXI, pode lerse perfectamente e mais con grande pracer. Outro acerto de Hugin e Munin. Parabéns para a editora.

 

 

Lúa da colleita, de Anxos Sumai, último Premio García Barros de novela (Galaxia, 19€) máis que contar unha historia, xira á volta dunha personaxe complexa, moi sensíbel, con problemas para distinguir a fronteira entre o pasado e o presente, o vivido e o soñado, que volta á vila onde viviu até o final da adolescencia. Trátase de unha novela semellante, no estilo ou quizá nas pretensións, á gañadora do ano pasado Hora Zulú, de Santiago Lopo, que estou a ler neste momento e que ten máis acción e máis personaxes, pero tamén esa aproximación ao borde da racionalidade, ou polo menos da racionalidade convencional. Depois de Santiago Lopo ha de vir A memoria da choiva, de Pedro Feijoo. Estou expectante por saber ou buscar semellanzas e diferenzas con Os fillos do mar, que funcionaba perfectamente como novela de aventuras, moi fácil de ler (isto é, que se devora) e pensada para entreter a un público amplo.

Vento e chuvia, de Manuel Gago, ou Matarte lentamente, o último de Ameixeiras, son tamén dúas lecturas recentes moi recomendábeis para regalar nestas épocas por diferentes e no fondo por idénticas razóns. O de Gago é un exercicio encomiábel de recuperación e re-criación do noso imaxinario colectivo, dun panteón galaico de deuses que sobrevive hoxe fundamentalmente na toponimia e na etnografía. O libro vese enriquecido cunhas estupendas ilustracións de Manel Cráneo e un posfacio de Marco G. Quintela.

O libro de Ameixeiras é novela negra peculiar, con “friames” e “realismo suxo”, pero sen detectives. Destaca a sua habilidade para retratar o peor da sociedade, sen medo a se luxar co sangue. E como se adoita dicir, reinventa e refunda o “noir” galego. É moi diferente (non digo “mellor nin “peor”) que as novelas de Villar ou de Miguel Anxo Fernández. Creo que vos gustará, sexa como for, porque é brutalmente directa, intensa, ben escrita.

A miña intención non era escribir tanto, mais ao final deixeime levar. Se queredes, continuamos a parola na Carricanta. Estades convidadas/os!

 

 

Dec
07
2013
--

O apalpador en Betanzos

O outro día escribía alguén no facebook sobre a Apalpador, dicindo que era unha figura sinistra, polo seu aspecto e porque se dedica a “apalpar” a barriga das crianzas, e había quen dicía que se trataba dun invento “recente”, nada ver cos tradicionais Reis Magos, onde vai parar, como se eles non tivese unha orixe foránea (como todo, ou case) e relativamente recente, bastante máis que o Alpapador ou Pandigueiro galego.

Sexa como for, non é cousa de andar con lerias destas, que eu non son etnógrafo; só quería informar que na Carricanta podedes encontrar o libro do Apalpador, escrito por Lua Sende e Alexandre Miguens e con ilustracións de Leandro Lamas (PVP 15€) e tamén o boneco do Apalpador que distribúe Rumboia Xoguetes (PVP 15€).
O Apalpador tamén ha baixar a Betanzos!

 

Written by librariacarricanta in: Novidades | Etiquetas:
Nov
29
2013
--

Novidades no día das librarías

Hoxe é o día das librarías e se cadra hoxe un bo día para que chegase por fin á Carricanta o novo e agardado libro-cd de Pablo Díaz, Toc-Toc, que se presenta este fin de semana no Culturgal.

 

 

 

Tamén chegou o disco de Mamá Cabra Cartas que veñen e van.

 

 

E para rematalo, por fin dispomos da edición especial das Lambetadas dos Larpeiros, de Merchi Rodal…

 

Written by librariacarricanta in: Novidades |
Out
25
2013
--

Novidades 25/10/2013

Hoxe chegaron novos libros á libraría. Por razóns obvias, non vou falar de todos os que entraron, mais si mencionarei algúns que sen ser “novidades” si me parecen interesantes.

En primeiro lugar, entrou a obra de Kavafis, editada por Rinoceronte (Poemas canónicos, 18,50€), unha novela do iugoslavo Danilo Kis, Unha tumba para Danilo Kis (Rinoceronte, 14€ PVP, narrativa) e Mendel, el de los libros, de Stefan Zweig (Acantilado, 6º ed., 9 €, narrativa), todos, en fin, “recomendacións” de Jorge Carrión, de quen estou a ler Librerías.

 


Por otro lado, destaco hoxe a novidade O café do idioma (Fricción, 17€, narrativa), por tratarse do primeiro libro dunha nova editora galega (ou polo menos, que eu descoñecía) e libros en portugués, de autores como Phillip Roth (O animal moribundo), J. M. Coetzee (Desgraça) ou a bestseller Camilla Lackberg (A princesa de gelo), sen esquecer O quase fim do mundo, do angolano Pepetela.

De entre as novidades de infantil destacamos  ¡Ojo! ¡Vranek parece totalmente inofensivo! (Bambú, 7,30€ PVP) de Christine Nöstlinger  (autor dos libros do Pequeno vampiro, non sei se lembrades) e en galego os dous primeiros títulos da editora Sushi Books, Xildas e O poder de Amabel, de Antonio Manuel Fraga e Érica Esmorís, respectivamente, dos libros moi recomendábeis para un público infantil polo seu sentido do humor.

 

 

Out
15
2013
--

Algunhas novidades da semana

Bo día

Chegaron á libraría algunhas novidades, as máis delas pertencentes ao catálogo da editora galega Kalandraka, especializada en libro infantil, e que moitos e moitas de vós xa coñerecedes.  De entre as novidades desta editora destacamos:

 

Minimalario

 

 

 

 

Tapa dura, 118 pp., 15 €. Idade recomendada: 6-7 anos.  De Pinto e Chinto, autores do bestseller Contos para nenos que dormen deseguida.

 

Pastor de Nubes (2ª edición)

 

 

 

 

Tapa dura, 40 pp, 12 €.  Idade recomendada: 6-7 anos. Para crianzas sensíbeis, unha historia chea de poesía, dun neno pastor á procura do mar.

 

Renato

 

 

 

 

Cartoné, 24 pp., 10€.  Idade recomendada: entre 2-3 anos.  Son as aventuras de Renato polo bosque, formato perfecto para os/as primeiras lectoras.

 

Inventario de los mares

 

 

 

 

Tapa dura, 72 pp., 16 €. Idade recomendada:  A partir de 8-9 anos. Para nenos/as curiosas e amantes da natureza.

 

amais do fabuloso disco-cd Pan de Millo !

 

 

 

 

64 pp., 20€.  Para cantar e bailar en familia!

 

Na Libraría Carricanta encontraredes no só libro infantil, senón tamén literatura española e galega, libros para a escola, etc., e se non temos o que buscas, habémolo conseguir axiña!

 

Written by librariacarricanta in: Novidades | Etiquetas: , ,
Set
27
2013
--

O diario das caixas de mistos

Hoxe traio aquí unha novidade da editorial Juventud que me ten fascinado: chámase El diario de las cajas de fósforos.  E digo que me ten fascinado pola historia en si, a emigración dunha familia de labregos do Sul de Italia aos Estados Unidos, que emociona e remexe algo aí, no fondo, pero tamén pola enorme calidade das ilustracións, que destilan emocións e vida, moita vida. É un libro que engaiola, que ensina cousas e que nos fai mellores. En fin, as funcións dun bo libro.

(Idade recomendada? entre os 5 e os 8 anos? Todo depende…)

 

Written by librariacarricanta in: Novidades,Que estamos a ler |
Set
23
2013
--

De libros e de crianza

Chegaron hoxe á libraría algunhas novidades, entre elas dous libros dos que quería falarvos, mesmo que sexa brevemente.

O primeiro é Librerías, editado por Anagrama e escrito por Jorge Carrión. Trátase dun ensaio interesante non só para quen, coma min, intenta gañar a vida cos libros, senón tamén para aqueles que gostan dos libros, mais tamén e sobre todo das librarías, como o espazo privilegiado para a venda deste tipo de ben cultural.

 

En Librarías encontraredes un ensaio entretido sobre a historia das librarías ao longo do tempo e do espazo, pero non só; este libro é tamén unha reflexión sobre o papel que os libros e as librarías ocuparon, ocupan e han ocupar no noso corazón, nas nosas vidas.

 

Tamén quero falarvos hoxe de ¿Dónde está mi tribu?, escrito por Carolina del Olmo e editado pola editorial Clave Intelectual. O subtítulo do libro – “Maternidad y crianza en una sociedad individualista”- fala do horizonte teórico en que se move a autora: crianza natural, crítica feminista, teoría de género, etc., mais o libro é froito sobre todo da súa experiencia como nai e como muller e supón unha crítica á presión que un modelo de sociedade hiperindividualista exercen sobre as muelleres, impedindo a sua realización como personas, quer sexa na sua faceta de nais, quer na de traballadoras. Carolina del Olmo coloca, enfin, moitas e suxestivas interrogantes sobre a experiencia da maternidade e a crianza nun mundo que fai da crianza un problema a resolver e non unha experiencia para desfrutar.

 

Ah, Carolina del Olmo ten blogue: dondeestamitribu.blogspot.com.es

Written by librariacarricanta in: Novidades | Etiquetas: ,

Powered by WordPress | Aeros Theme | TheBuckmaker.com WordPress Themes