Mar
28
2014
--

Ver aves na Galiza

Entrevista a Cosme Damián Romay Cousido, coautor do libro Cuándo ver aves en Galicia, de Ed. Tundra

 

1 – Recentemente saíu á luz “Cuándo ver aves en Galicia”, un libro que ofrece destinos e propostas de actividades para a observación de aves en Galicia en función da época do ano. Pero, Por que é Galiza un lugar destacábel para a observación de aves?

 

Galicia ten unha inmensa variedade de hábitats, algún deles aínda ben conservados, e que van desde as marismas e praias no litoral ata montañas de máis de 2000 m, e desde áreas frescas de turbeiras eurosiberianas ata extensións de matogueira mediterránea, pasando por carballeiras, humidais e rochedos no interior. Ademais, a súa posición xeográfica de “avanzadilla” sobre o Atlántico fai da nosa terra un lugar de parada e fonda para moitas aves nas súas migracións. Por todo isto se entende que Galicia presente unha lista dunhas 400 especies de aves, á altura de moitos países europeos. E iso en menos de 30000 km2!

 

2 – Se quixeramos ver aves sen saír das Mariñas, onde teríamos que ir e en qué época do ano?

 

Depende dos nosos obxectivos. Se queremos ver patos, limícolas e garzas en bo número, debemos ir aos humidais litorais (O Burgo, ría de Betanzos, Miño) ou aos encoros (Cecebre, Sabón) entre setembro e abril. Desde os cabos (punta Langosteira, punta Herminia, faro de Mera) localizaremos aves mariñas en migración sobre todo entre agosto e decembro. E para ver araos, mobellas e patos mariños, mellor as praias de Santa Cristina, Grande de Miño e Alba entre novembro e febreiro. Para aves terrestres, temos sitios excelentes nos concellos de Paderne, Sada, Cambre e Carral, sobre todo en bosques de ribeira e carballeiras.

 

3 – En certo senso, “Cuándo ver aves en Galicia” promove o Turismo ornitolóxico, é dicir o turismo da observación de aves, na Galiza. Considerades que este tipo de turismo pode ser unha ferramenta de dinamización económica para a Comarca das Mariñas? Cómo de desenvolta está esta actividade turística en Galicia, en comparación co resto do Estado e Europa?

 

O turismo ornitolóxico está de actualidade. Grazas a feiras como a FIO en Monfragüe (Extremadura) e a iniciativas locais como Trino en Castela e León e, máis preto, o Proxecto PIO no Grove, esta actividade, ideal para desestacionalizar o turismo en determinadas áreas, estase dando a coñecer a máis xente e é cada vez máis estudada polos nosos xestores. Incluso, a nivel galego, Turgalicia dedicou e dedica esforzos a través da súa web e grazas á edición de diverso material impreso a dar a coñecer o turismo ornitolóxico en Galicia. De todos xeitos, aínda son poucas as empresas en Galicia volcadas neste tipo de turismo (podo mencionar a Intramar, no Grove), e incluso a nivel español as empresas de observación de aves que actúan no territorio son principalmente británicas. No Reino Unido este tipo de turismo leva décadas implantado, e ten grande aceptación. Non hai máis que ver a BirdFair en Rutland, con 25000 visitantes nun só día!

 

4 – Se alguén que se quixera iniciar na observación de aves vos pedira consello, ademais de “Cuándo ver aves en Galicia”, qué bibliografía básica lle recomendariades?

 

Estas catro guías son ideais para se iniciar, van ordeadas por prezo, de menor a maior: – Barthel, P. H. & Dougalis, P. 2008. Aves de Europa. Lynx Edicions, Barcelona. 191 pp. – De Juana, E. & Varela, J. 2000. Aves de España. Península Ibérica, Baleares y Canarias. Lynx Edicions, Barcelona. 226 pp. – Penas-Patiño, X. M.; Pedreira, C. & Silvar, C. 2004. Guía das aves de Galicia. 2ª edición. Baía Edicións, A Coruña. 463 pp. + CD-ROM. – Mullarney, K.; Svensson, L.; Zetterström, D. & Grant, P. J. 2003. Guía de aves. La guía de campo de aves de España y de Europa más completa. Omega, Barcelona. 402 pp. É recomendable tamén coñecer algunhas páxinas web con recursos para coñecer as nosas aves, como as seguintes: – Noticiario Ornitoxeográfico Galego, base de datos de rexistros de aves en Galicia: http://sgo.cesga.es/aves/htdocs/. – Enciclopedia de las Aves de España, patrocinada por SEO/BirdLife e a Fundación BBVA: www.enciclopediadelasaves.es

 

5 – Ademais de gozar da observación de aves, para aquelas persoas máis inquedas, a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), da que formades parte, ten en marcha diversos proxectos, actividades e colaboracións. Qué se está a facer agora mesmo dende a SGO? Cómo podemos tomar parte desas actividades?

 

As actividades da SGO están abertas ao público e van desde a organización de xornadas divulgativas, censos, congresos e excursións á edición de anuarios ornitolóxicos e da revista científica A Carriza, pasando pola xestión do Noticiario Ornitoxeográfico Galego. Entre os anos 2014 e 2017 coordinará en Galicia o novo atlas de aves reproductoras de España. Na súa web (www.sgosgo.org) infórmasenos destas actividades. E relacionado con isto, cómpre engadir que o Grupo Naturalista Hábitat (www.gnhabitat.org) tamén organiza maratóns ornitolóxicas, censos e xornadas para a dar a coñecer as nosas aves, así como a Sociedade Galega de Historia Natural (www.sghn.org). Ademais, SEO/BirdLife ten unhas iniciativas abertas ao público moi interesantes (www.seguimientodeaves.org).

Written by librariacarricanta in: Actividades,Novidades |
Dec
13
2013
--

Lecturas dos últimos días

Son moitas as lecturas e tamén é moita a preguiza. Lin uns cantos libros desde a última entrada sobre lecturas, mais vou reseñar brevemente só catro novelas.

En castelán gostei moito de El río del edén (Alfaguara, PVP 18€), escrito por José María Merino, que recibiu por este libro o máis recente Premio Nacional de Novela, o concedido polo Ministerio de Cultura. A min pareceume unha novela redonda, moi completa, cunha personaxe central chea de matices, contradiccións, en loita contra si mesma e que intenta pechar as feridas do pasado, para abrir unha porta ao futuro coa axuda do seu fillo, que ten síndrome de Down. Lembroume no estilo e na proposta a outro bo libro español, recente tamén, de Julio Llamazares, Las lágrimas de San Lorenzo, que con certeza tamén vos recomendo.

 

Outr grande libro lido nos últimos días foi El día de mañana (Seix Barral, PVP 18€), de Ignacio Martínez de Pisón, outro premio nacional de novela, este do ano 2011, e abofé que non me estrañou en absoluto. Fiquei moi satisfeito despois de ler o libro, coa sensación de ter saboreado aquilo que se chama “boa literatura”. En fin, pareceume un dos mellores libros que lin nos últimos tempos, cunha trama, uns personaxes e un pulso narrativo potentes.  No libro, o autor reconstrúe a Barcelona do final do franquismo e para iso utiliza os testemuños e os recordos de diferentes personaxes sobre un confidente da policía.  Penso que Martínez de Pisón é un autor moi bon, que non se debe deixar de ler, como a Merino, xaora.

 

 

E na nosa lingua teño lido ultimamente outro dos libros de Hugin e Munin, cos que sempre aprendo palabras novas, o cal di moito, creo eu, da calidade da versión galega. Nomeadamente, lin O afundimento do Titán (PVP 12€), do que chama atención, como é obvio, o parecido coa historia do Titanic. É a historia do naufraxio do barco, mais tamén da cobiza dos armadores, dos aseguradores e, por outro lado, do valor  e a honestidade dun náufrago que consegue vencer a adversidade. Un libriño escrito hai cen anos pero que hoxe, en pleno século XXI, pode lerse perfectamente e mais con grande pracer. Outro acerto de Hugin e Munin. Parabéns para a editora.

 

 

Lúa da colleita, de Anxos Sumai, último Premio García Barros de novela (Galaxia, 19€) máis que contar unha historia, xira á volta dunha personaxe complexa, moi sensíbel, con problemas para distinguir a fronteira entre o pasado e o presente, o vivido e o soñado, que volta á vila onde viviu até o final da adolescencia. Trátase de unha novela semellante, no estilo ou quizá nas pretensións, á gañadora do ano pasado Hora Zulú, de Santiago Lopo, que estou a ler neste momento e que ten máis acción e máis personaxes, pero tamén esa aproximación ao borde da racionalidade, ou polo menos da racionalidade convencional. Depois de Santiago Lopo ha de vir A memoria da choiva, de Pedro Feijoo. Estou expectante por saber ou buscar semellanzas e diferenzas con Os fillos do mar, que funcionaba perfectamente como novela de aventuras, moi fácil de ler (isto é, que se devora) e pensada para entreter a un público amplo.

Vento e chuvia, de Manuel Gago, ou Matarte lentamente, o último de Ameixeiras, son tamén dúas lecturas recentes moi recomendábeis para regalar nestas épocas por diferentes e no fondo por idénticas razóns. O de Gago é un exercicio encomiábel de recuperación e re-criación do noso imaxinario colectivo, dun panteón galaico de deuses que sobrevive hoxe fundamentalmente na toponimia e na etnografía. O libro vese enriquecido cunhas estupendas ilustracións de Manel Cráneo e un posfacio de Marco G. Quintela.

O libro de Ameixeiras é novela negra peculiar, con “friames” e “realismo suxo”, pero sen detectives. Destaca a sua habilidade para retratar o peor da sociedade, sen medo a se luxar co sangue. E como se adoita dicir, reinventa e refunda o “noir” galego. É moi diferente (non digo “mellor nin “peor”) que as novelas de Villar ou de Miguel Anxo Fernández. Creo que vos gustará, sexa como for, porque é brutalmente directa, intensa, ben escrita.

A miña intención non era escribir tanto, mais ao final deixeime levar. Se queredes, continuamos a parola na Carricanta. Estades convidadas/os!

 

 

Dec
07
2013
--

Horario do mes de decembro

Co ánimo de fomentar e dar cobertura ao consumo compulsivo (só na miña libraría, xaora) ou en todo caso á adquisición irreflexiva de todo tipo de libros para grandes e pequenos,

a libraría Carricanta comprácese en anunciar o horario ampliado durante o mes de decembro:

De luns a sábado:

10:00-14:00 / 16:00-20:30

Domingos 22 e 29 – Apertura conxunta ACEBE

11:00-14:00 / 17:00-20:00

Written by librariacarricanta in: Sen categorizar |
Dec
07
2013
--

O apalpador en Betanzos

O outro día escribía alguén no facebook sobre a Apalpador, dicindo que era unha figura sinistra, polo seu aspecto e porque se dedica a “apalpar” a barriga das crianzas, e había quen dicía que se trataba dun invento “recente”, nada ver cos tradicionais Reis Magos, onde vai parar, como se eles non tivese unha orixe foránea (como todo, ou case) e relativamente recente, bastante máis que o Alpapador ou Pandigueiro galego.

Sexa como for, non é cousa de andar con lerias destas, que eu non son etnógrafo; só quería informar que na Carricanta podedes encontrar o libro do Apalpador, escrito por Lua Sende e Alexandre Miguens e con ilustracións de Leandro Lamas (PVP 15€) e tamén o boneco do Apalpador que distribúe Rumboia Xoguetes (PVP 15€).
O Apalpador tamén ha baixar a Betanzos!

 

Written by librariacarricanta in: Novidades | Etiquetas:
Nov
29
2013
--

Novidades no día das librarías

Hoxe é o día das librarías e se cadra hoxe un bo día para que chegase por fin á Carricanta o novo e agardado libro-cd de Pablo Díaz, Toc-Toc, que se presenta este fin de semana no Culturgal.

 

 

 

Tamén chegou o disco de Mamá Cabra Cartas que veñen e van.

 

 

E para rematalo, por fin dispomos da edición especial das Lambetadas dos Larpeiros, de Merchi Rodal…

 

Written by librariacarricanta in: Novidades |
Nov
21
2013
--

Patas de Peixe

Hoxe quería falarvos dunha editora de libros infantís en galego moi interesante: Patas de Paixe – http://www.patasdepeixe.com/

Entre o seu catálogo destacan os libros da Toupiña, que falan das estacións ou dos días da semana. A Toupiña é unha personaxe creada polo debuxante checo Zdenek Miler, unha auténtica celebridade na República Checa. Hai quen o chama o Walt disney checo, e se cadra é ao aveso: Disney é o Miler estadounidense…

Penso que os libros da Toupiña editados por Patas de Paixe son moi recomendábeis para as nosas cativas e cativos, porque nos ensinan a respeitar e valorar a natureza e o debuxo de Miler é moi sinxelo e tenro. Axuda tamén que as historias da Toupiña veñan rimadas, porque iso sempre lles gusta aos nenos.  A edición ademais é moi apta para as crianzas porque é todo cartoné. O prezo de cada un dos libros da toupiña é de 6,50€. Non está nada mal.

Patas de Peixe acaba de publicar a versión galega do famoso conto O Grúfalo (PVP 14€), escrito por Julia Donaldson, unha historia sobre a importancia da intelixencia – do enxeño – para sair das dificuldades. Ainda que a versión galega se presentará no Culturgal, o libro xa está á venda na libraría Carricanta. O PVP é de 14€

Hai que apoiar pequenas editoras como Patas de Peixe, que fan un grandísimo labor por achegar aos nenos e as nenas galegas clásicos da literatura infantil, como é o Grúfalo…

Written by librariacarricanta in: Sen categorizar |
Nov
06
2013
--

Máis lecturas do libreiro

Unha das principais satisfaccións do meu traballo é poder ler libros, moitos libros. Ora ben, a pesar da imaxe romántica que se ten do oficio de libreiro, este non sempre pode ler todo o que quixera nin cando quixera, mais en fin, o certo é que trato de dedicarlle todo o tempo que podo a ler, máis alá de todo aquilo que non é ler: catalogar, levar a contabilidade, facer pedidos, limpar a propia libraría… Outro día se cadra podemos falar do grande pracer que é parolar cos clientes.

Na última entrada sobre as miñas lecturas quedara en que estaba a ler Librerías, de Jorge Carrión e Camino de Ida, de Ricardo Piglia. Con este ensaio podemos viaxar de libraría en libraría, de Paris a San Francisco, de Estambul a Buenos Aires, nunha auténtica volta ao mundo movida pola fascinación e o amor polos libros e pola conciencia triste de que as librarías, tal como as coñecemos, están a morrer.

Lin Camino de Ida, de Ricardo Piglia (Anagrama, 17,90€) por curiosidade: nunca lera nada deste autor argentino e faláronme moi ben del. Esta novela está protagonizada por un profesor universitario argentino, Emilio Renzi, unha especie de alter ego do escritor, que vai traballar aos Estados Unidos. Ao pouco de chegar, morre a profesora estadounidense que o contratara. El está no punto de mira da policía, mais o culpábel é outro, un terrorista chamado Thomas Munk. A novela está entre a autobiografía novelada e a novela policiaca. Tamén ten un toque de socioloxía ou até de investigación xornalística sobre a violencia na cultura estadounidense.

Unha tumba para Boris Davídovich (Rinoceronte, 14€) pareceume unha novela excepcional, tamén pola tradución que fai Jairo Dorado. Ora ben, máis que novela é un conxunto de relatos cun tema en común (e con personaxes en común), que poderíamos denominar “a revolución traicionada”: revolucionarios esmagados polo totalitarismo. Danilo Kis , o autor, é considerado un dos mellores autores da literatura iugoslava (ou polo menos en lingua serbo-croata) da segunda metade do século.

O poder de Amabel , de Érica Esmorís, está editado por Sushi Books, un selo editorial especializado en literatura infantil. Á parte do libro de Esmorís, editou tamén recentemente Xildas, de Antonio Manuel Fraga (autor do Prémio Merlin deste ano, O Castañeiro de Abril).

Ambos libros parecen estar dirixidos prioritaramente a nenas e nenos de entre 9 e 12 anos, aínda que como sempre isto dependa máis de cada neno/a, do seu hábito lector. No caso de O poder de Amábel, creo que ten grandes doses de humor e quizá maior atractivo para os nenos/as, por estar contado en primeira persoa por Amabel, que anda á procura do seu superpoder oculto. No caso de Xildas, tamén é unha novela moi recomendábel, moi entretida, novela de aventuras protagoniada por unha nena, Catuxa, que encontra un trasno (Xildas), con que vivirá as súas aventuras.

Outro libro que tiña moitas ganas de ler era A irmandade da uva (Hugin e Munin, 16€). Como é habitual nesta editora, a tradución pareceume excelente. A novela ten moito de autobiografía, como acontece noutras obras do autor como El vino de la juventud, publicada recentemente por Anagrama. O protagonista, Henry Molise, fala en primeira persoa e cun estilo directo, sen moitos requintes, sobre a súa familia italo-americana, nomeadamente sobre o seu pai. Fante é considerado un precursor do “realismo sucio” estadounidense, encarnado por Bukowski. Este último autor tamén está editado por Hugin e Munin (Servizo de Correos).

 

 

 

 

 

 

Finalmente, lin un libro de Daniel Pennac (Mondadori, 15.89€) , Señores niños. Os protagonistas son tres nenos parisinos castigados polo seu profesor que, farto das poucas ganas de traballar, obrígaos a facer unha composición escrita sobre un tema: que é o que pasaría se descubrisen que acordaron transformados en adultos, e os adultos da casa, acordaron como nenos. O libro é divertido, ben escrito e cheo de tenrura e cumplicidade cos nenos que fomos (e que aínda somos).

 

 

Out
25
2013
--

Novidades 25/10/2013

Hoxe chegaron novos libros á libraría. Por razóns obvias, non vou falar de todos os que entraron, mais si mencionarei algúns que sen ser “novidades” si me parecen interesantes.

En primeiro lugar, entrou a obra de Kavafis, editada por Rinoceronte (Poemas canónicos, 18,50€), unha novela do iugoslavo Danilo Kis, Unha tumba para Danilo Kis (Rinoceronte, 14€ PVP, narrativa) e Mendel, el de los libros, de Stefan Zweig (Acantilado, 6º ed., 9 €, narrativa), todos, en fin, “recomendacións” de Jorge Carrión, de quen estou a ler Librerías.

 


Por otro lado, destaco hoxe a novidade O café do idioma (Fricción, 17€, narrativa), por tratarse do primeiro libro dunha nova editora galega (ou polo menos, que eu descoñecía) e libros en portugués, de autores como Phillip Roth (O animal moribundo), J. M. Coetzee (Desgraça) ou a bestseller Camilla Lackberg (A princesa de gelo), sen esquecer O quase fim do mundo, do angolano Pepetela.

De entre as novidades de infantil destacamos  ¡Ojo! ¡Vranek parece totalmente inofensivo! (Bambú, 7,30€ PVP) de Christine Nöstlinger  (autor dos libros do Pequeno vampiro, non sei se lembrades) e en galego os dous primeiros títulos da editora Sushi Books, Xildas e O poder de Amabel, de Antonio Manuel Fraga e Érica Esmorís, respectivamente, dos libros moi recomendábeis para un público infantil polo seu sentido do humor.

 

 

Out
23
2013
--

Últimas lecturas do libreiro

Bo día

Nos últimos días lin varios libros, prácticamente todos de narrativa, en galego e español. Comentareivos algunha cousa de cada un deles, sen entrar en detalles, dado que non pretendo exercer de crítico nen dicirvos o que tendes que ler. Son leituras persoais, movidas pola curiosidade, que pretendo compartir convosco.

O único libro de poesía foi Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure (Através editora, 10€), que foi o libro escollido polo clube de lectura da Carricanta na súa primeira reunión. Brevemente, podemos dicir que o libro, aínda que é poesía, ten moito de narrativa, de alegato político, reivindicativo, aínda que se presta a moitas lecturas (iso comprobámolo ben no clube de lectura) e conclusións diversas que han depender, creo, da bagaxe de cada quen.

O seguinte libro foi Cadeas, de Xabier López López, premio Xerais 2013 (PVP 20€). Para quen os premios non significan nada, ou non din moito, diría que o último libro de Xabier López é excepcional, moi ambicioso, mais nada complicado de ler – a pesar do que se ten afirmado -, cheo de fíos, de historias entrecruzadas (os elos da cadea), con elementos comúns como a cervexa, o leite condensado, ou a violencia (explícita ou implícita ) de certos episodios. Como se di na contracapa, é “una novela de novelas” (por iso dicía eu o de ambiciosa) e creo que polas múltiples influencias (encántame o relato sobre un naufraxio, que lembra a Conrad) será do interese dun amplo abano de leitores/as.

Lin tamén a semana pasada un libro de Luisgé Martín, La misma ciudad (Anagrama, 13,90€), que conta a segunda vida dun home en plena crise dos 40 que aproveita os atentados das Torres Xemelgas para reiventar a súa vida, abandonando a súa familia coa ilusión de facer todo aquilo que a vida familiar, monótona e tranquila, non lle consentira facer.  É un libro de fácil e agradábel lectura, que pode encerrar algunhas reflexións para aqueles que están por chegar aos 40, con crise ou sen ela, e se puxeron a facer balance.

Lin despois unha noveliña de Antón Darriba, O bosque é grande e profundo, outra novidade de Xerais (PVP 16,65€) e digo “noveliña”, máis que nada pola sua extensión (141 pp., letra grande), o cal, unido a unha historia envolvente e unha atmosfera apocalíptica, fai que as páxinas voen e cheguemos ao desenlace da historia, aberto, inconcluso desta historia ambientada nun mundo apocalíptico, con moitas voces narrativas (o “Viaxeiro”, o “Cazador”…), dividida en dúas grandes partes, unha onde predomina a voz de Hansel, que viaxa polo bosque, e outra onde predomina Greta, que ficou na cidade en guerra. Non é unha historia lineal (o libro comeza in media res), nin coñecemos todo sobre as personaxes, pero como vos dicía, máis alá dos silencios, do que non se di, a historia atrapa. Hávos gustar, xa veredes.

Finalmente, o último libro que lin é Acordes náufragos (Galaxia, PVP 13,50€), de Riveiro Coello e que acaba de saír, aínda que o libro non é exactamente unha “novidade”, por canto reúne relatos publicados anos atrás (como a “Canción de Sálvora”), de forma illada e que hoxe son difíceis de encontrar, polo que Galaxia decidiu xuntalos nun único volume e presentalos de novo ao público. E ben que así sexa, porque estes relatos náufragos de Riveiro Coello son engaiolantes, fermosos, cheo do lirismo céltico da derrota e da bruma… Son “acordes náufragos” porque nos traen músicas e voces que entoan melodias náufragas – no mar ou na terra – como ben se di na contracapa. Eu gostei especialmente da ” Canción de Sálvora”, “Pirrula ou o punto no ceo” e “Bruca Manigua”, que se cadra acusan influencias diferentes, mais que reiteran sempre o enorme talento narrativo do autor de Laura no Deserto. Son todos eles relatos diferentes entre si, mas todos escritos dun xeito impecábel, cun galego enxebre mas non rebuscado, se me permitides a expresión, e onde a imaxinación do autor nos leva da Póboa do Caramiñal á Limia e á Raia, e da Raia ao Caribe.  En fin, un libro moi recomendábel que fara máis agradábel as vosas vidas.

E agora mesmo estou lendo Librerías, un libro ao que xa lle tiña moitas ganas, e El camino de Ida; ambos libros son de Anagrama, o primeiro de ensaio e o segundo de narrativa, escritos respectivamente por Jorge Carrión e por Ricardo Piglia. Xa vos direi algo deles dentro duns días.

Saúde

Out
21
2013
--

Contacontos

Boas e chuviosas tardes

Esta libraría abriu o 12 de abril; desde entón, non foron poucas as clientas que me perguntaron se non tíñamos pensado en organizar actividades para nenos na libraría. Evidentemente, esa foi sempre a miña intención, porque se ben a Carricanta non é unha libraría especializada en libro infantil,  si nos importa oferecer un catálogo variado de libros no tramo de idade de 0 a 6, e ir acompañando poco a poco esa oferta con actividades para os cativos. Pois ben, finalmente podo anunciar que en breve teremos a primeira sesión de contos na libraría Carricanta:  a “contada” hase celebrar o próximo día 2 de novembro, sábado, ás 12 da mañá, e estará a cargo de Verónica Rilo. Estades todas e todos convidados!!

 

 

 

Written by librariacarricanta in: Actividades | Etiquetas:

Powered by WordPress | Aeros Theme | TheBuckmaker.com WordPress Themes